31 marzo 2023

DÍA DAS ARTES GALEGAS

 Hoxe, en conmemoración das artes galegas, tivemos a gran sorte de recibir no noso cole ás mulleres da asociación "A Portela Vella". Elas, co seu enorme traballo e esforzo, contribúen a preservar o noso patrimonio, e hoxe así llo transmitiron aos nosos alumnos e alumnas.

Os coñecidos "sancosmeiros" elaborábanse tradicionalmente nos fogares galegos para facilitar o traballo das mulleres no campo, no marisqueo...etc. Están feitos con palla e, ao coselos, imprégnanse con cera de abella para que sexan resistentes á chuvia. Ademáis, por suposto, protexen do sol e facilitan a carga de elementos sobre a cabeza, xa que a copa ou "tampo" ten as dimensións e forma perfectas. Dise tamén que ese lazo tradicionalmente negro que colga dos "sancosmeiros", no seu momento, máis que unha labor estética, tiña a de espantar as moscas durante a faena. 




Como vedes, estes sombreiros non só son preciosos, senon que resultaron sempre sumamente prácticos. Sen embargo, é inimaxinable o traballo que hai detrás de cada un deles. Hoxe, a través de fotografías reais, explicáronos todo o proceso dende que sementan o centeo e o trigo; déixano medrar, recollen a palla, póñena a secar, escóllena e sepárana por tamaños (xa que as diferentes partes do sombreiro elabóranse con palla de distintos tamaños). Para poder trenzar, a palla debe estar humedecida. Trenzar cada un dos sombreiros pode levar unhas 42 horas, nada máis e nada menos...! Por suposto, con ese mesmo trigo ou centeo, tamén elaboran pan... aprovéitase todo!




Despois de contarnos todo o proceso e a historia dos "sancosmeiros", pasamos á acción; por grupiños, os nenos e nenas colocábanse ao redor das artesás e, palla en man, intentaban imitar os seus movementos e aprender os patróns. A pesar do complicado que é ao principio, explicábano con tanto cariño e paciencia que a maioría do alumnado estivo moi concentrado na tarefa, intentándoo as veces que fixera falla, e moitos/as fixeron grandes avances! O problema foi o tempo, que se nos quedou moi curto, por iso esperamos telas de volta nalgunha outra ocasión para seguir aprendendo.












GRAZAS de corazón!

Ningún comentario:

Publicar un comentario